No Salón Internacional do Cómic (6-12 de agosto) colgarán os traballos máis recentes dos consagrados Homs, Rubín, Munuera ou Emma Ríos, convidados noveis nas primeiras edicións do certame coruñés
VIÑETAS INAUGÚRASE O LUNS ACHEGÁNDOSE ÁS ÚLTIMAS OBRAS DUN GRUPO DE CREADORES CONSOLIDADOS NO PANORAMA INTERNACIONAL DA BANDA DESEÑADA
Entre os invitados, José Ramón Sánchez, o ilustrador que debuxou os carteis electorais do PSOE das primeiras eleccións municipais da democracia, que vén a Viñetas cos orixinais do seu primeiro e sorprendente traballo de banda deseñada: unha adaptación de Moby Dick
• Xunto con Emma Ríos, o XXI Salón Internacional trae á cidade outras tres autoras de referencia, Belén Ortega, Mamen Moreu e Cristina Durán; cada unha delas cun xeito de contar historias moi diferente e persoal
• Xosé Tomás e Tirso Cons completan o cadro galego da oferta de Viñetas desde o Atlántico 2018, que inclúe ademais entre os seus invitados a Ángel de la Calle, autor de Pinturas de Guerra, galardoada co premio á mellor obra no último Salón del Cómic de Barcelona
• O cartel é da autoría dun dos creadores presentes nesta edición do festival, José Luis Munuera
O luns, ás sete da tarde, abrirá as portas a XXI edición do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico. A estrea desta terceira década do festival servirá para confirmar a consolidación no panorama internacional dun grupo de creadores que transitaron polas primeiras edicións de Viñetascomo autores noveis. “É o caso de Emma Ríos ou David Rubín, nomeados en reiteradas ocasións aos premios Eisner, e tamén de Homs ou Munuera, hoxe indiscutiblemente consagrados”, explica Miguelanxo Prado, director do Salón. “A todos eles, que hoxe teñen un lugar específico no mercado internacional –xa sexa americano ou franco-belga-, vímolos medrar desde as súas primeiras historias ata as máis recentes, cuxos orixinais se expoñerán nesta vixésimo primeira edición do Festival”.
O XXI Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, impulsado pola Concellería de Culturas do Concello da Coruña, contará tamén con outro importante convidado, o ilustrador José Ramón Sánchez. Trátase dun protagonista da memoria colectiva das xeracións que viviron a transición: o autor daqueles coloristas carteis electorais cos que o PSOE concorreu ás primeiras eleccións municipais democráticas. “Sánchez, Premio Nacional de Ilustración 2014, permítenos darlle volta á ecuación; mirar alén do espello respecto ao caso dos autores que creceron en paralelo a Viñetas”, explica Miguelanxo Prado. “Estamos ante un caso singular, o dun ilustrador referente para decenas de profesionais ao longo das últimas décadas que, aos seus 80 anos, descobre a linguaxe da banda deseñada e nos sorprende cunha adaptación de Moby Dick que é unha peza excepcional”.
Modos narrativos moi persoais
Tres creadoras achéganlle ao festival visións moi persoais no campo narrativo. Son Cristina Durán, que xunto con Miguel Ángel Giner é a autora de Una posibilidad entre mil, Cuando no sabes qué decir ou El día 3, un cómic eminentemente social. Belén Ortega (Pájaro Indiano), que tomou o relevo de Homs e agora debuxa o éxito literario Millenium para o mercado francés. E Mamen Moreu, autora de Enjambre, Todas putas, los cuentos gráficos, Resaca ou Desastre.
Outro dos invitados a Viñetas 2018 é Ángel de la Calle, un autor recentemente premiado no Salón del Cómic de Barcelona pola súa obra Pinturas de Guerra. De la Calle xa sorprendera con Modotti, una mujer del siglo XX, publicada en multitude de países e premio á Melhor surpresa editorial no Brasil en 2006, hoxe por hoxe considerada unha das novelas gráficas de referencia da moderna historieta española.
O “Shi” de Homs e o “Zorglub” de Munuera
Homs, cuxos orixinais de La anciana que nunca jugó al tenis e mais El ángelus xa estiveron presentes en anteriores edicións de Viñetas, volve este ano ao Salón para mostrar as súas últimas creacións. Trátase de Millenium, unha adaptación da triloxía do sueco Stieg Larsson con guión de Sylvain Runberg, e Shi, a impactante obra ambientada na Exposición Universal de Londres de 1851 con guión de Zidrou, na que Homs narra a historia da amizade de dúas mulleres de distinta nacionalidade.Munuera, pola súa banda, autor do cartel deste Viñetas 2018, trae a Coruña as súas máis recentes publicacións, Los Campbell e Zorglub.
Xunto con Emma Ríos (Hexed, Capitán Marvel, Anhelando volar, Bella Muerte, Mirror) e David Rubín (La tetería del oso malayo, El héroe, Black Hammer 2, Sherlock Frankenstein y la legión del mal) completan o cadro de creadores galegos Xosé Tomás (Rodribico, Nómades, Animalia) e Tirso Cons (El ojo del diablo, A mansión dos murmuios, Trackers).
Tal e como é costume, nesta edición expoñeranse os orixinais do último premio Castelao de Banda Deseñada, que edita a Deputación da Coruña. Trátase de O corpo de Cristo, da autora Beatriz Lema Rivera. No transcurso de Viñetas darase a coñecer ademais o autor galardoado co Castelao 2018. Na mesma sala na que colgará o Castelao (Salvador de Madariaga) haberá outra mostra, Squeeze-Oh! Cómic contemporáneo galego, dedicada ao cómic independente e comisariada por Rubén Romero. Pola súa parte, a escaleira da Torre de Hércules servirá de excepcional lenzo no que colgará a colección de carteis das vinte edicións previas do Salón.
Por riba das exposicións, esta semana haberá encontros cos autores convidados ao Salón, presentacións editoriais, actividades paralelas e a tradicional Feira da Historieta. Viñetas 2018 levanta o pano o luns día 6. Transformará a urbe coruñesa nun escenario de cómic ata o domingo 12. As exposicións, no entanto, continuarán abertas ata o 9 de setembro.